Wednesday 15 de May de 2024

O nordés fai das súas propagando lumes e levando lousados


Malia os avisos oficiais ninguén contaba coa nordestada que nos azouta desde hai dous días. Nin tampouco cos seus efectos, que se notaron -e ben notados- en distintos puntos de San Sadurniño, principalmente nas parroquias de Lamas, Bardaos e, máis que nada, en Santa Mariña. Alí un incendio tivo en alerta a veciñanza e os servizos de extinción durante a tarde de onte, chegando incluso a aproximarse a dúas vivendas. O lume quedou controlado pouco despois das dez da noite, pero o vento seguiu facendo das súa ao longo da madrugada erguendo uralitas e deitando árbores sobre as pistas.

A alerta do incendio deuse ás 17.54h e segundo estimacións de Medio Rural a superficie afectada pasou das 20 hectáreas. Nos traballos de control participaron un axente, tres brigadas e cinco helicópteros, ademais de efectivos da Garda Civil e da veciñanza que colaborou con cisternas e facendo labores de vixilancia ata a madrugada.

A información facilitada pola Xunta fala de “control” e non de extinción, dado que a media tarde a intensidade do vento facía practicamente inútil calquera medida de loita, de aí que a actuación das brigadas e dos medios aéreos concentrase esforzos en garantir a seguridade de dúas vivendas situadas na Cova e no Colado e en terlle o paso ao lume para que non saltase cara á zona da Escoitadoira, do Vilar e de Castrelo.

Os medios aéreos tiveron que retirarse pouco despois das 20.00h. por mor do aumento da intensidade do vento. Segundo os datos facilitados pola área municipal de Servizos, o lume quedou controlado a iso das 22.00h. e as últimas lapas extinguíronse cerca da medianoite. Con todo, veciñanza, Garda Civil e Medio Rural mantiveron a vixilancia ata practicamente a mañá de hoxe co obxectivo de que o incendio non se reactivase, igual que ocorreu pouco despois das 21.00h. preto de Aldea Nova, en Narón.

Malia que se descoñecen polo momento as causas deste e doutros incendios que se produciron na comarca -houbo lume tamén en Mañón e na Capela-, desde a Consellería do Medio Rural lémbrase que permanecen prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais ata novo aviso e que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que se debe chamar en caso de detectar algún lume forestal.

Pola súa banda, desde o Concello lémbrase que a normativa autonómica sobre prevención de incendios obriga a manter o monte limpo e a gardar as distancias con respecto ás vivendas, unha responsabilidade que lle atinxe ás persoas propietarias de parcelas plantadas ou, de ser o caso, ás arrendatarias ou usufructuarias.

Así, no caso dunha casa aillada, a lei di que desde o límite dunha vivenda ata os 10 metros de distancia non pode haber maleza nin árbores. Nese límite comeza outra faixa ata os 30 metros na que tampouco pode haber maleza, nin piñeiros, nin eucalipto nin acacias e outras especies pirófitas, aínda que se permiten árbores frondosas coma os castiñeiros ou os carballos sempre que estean ben separadas entre si. Por último, dos 30 aos 50 metros non pode existir maleza e as árbores, sexan do tipo que sexan, deben estar ben separadas entre elas.

Arredor das aldeas e núcleos, a normativa di que desde o límite perimetral ata os 30 metros non pode haber plantados piñeiros, ecualiptos ou acacias, nin tampouco haber maleza. Dos 30 aos 50 metros tamén se esixe que as árbores estean ben separadas entre elas e o chan libre de maleza. Nas novas edificacións de uso residencial, comercial, industrial ou servizos, instalacións agrogandeiras ou forestais manterase unha faixa de seguridade de 50 metros en inguais condicións que para as casas ailladas.

Máis gabachadas do nordés
Volvendo ao asunto dos efectos da nordestada en San Sadurniño, desde a área de Servizos informan que as incidencias máis reseñables se produciron, precisamente, nas parroquias do norte do territorio municipal. A máis afectada -e non só polo lume- foi Santa Mariña, onde houbo caídas de árbores e o desprendemento de uralitas en varios puntos.

Na estrada de Silvalonga tamén estivo cortado ao tráfico un carril por mor da caída de parte da cuberta dunha vivenda. En Bardaos, entre a Veiga e o Castro, tamén foi necesaria a intervención municipal para retirar varias árbores. De feito, a caída de pólas e árbores foi unha constante que se repetiu en Lamas, no Camiño Arriba, na zona de Pontellas e na Rubiña, nun punto da estrada provincial que vai desde a capela do Belén até Riboira.

O servizo de Obras traballou desde primeiras horas da mañá para limpar a totalidade da rede viaria municipal. Sobre as distancias de plantación cómpre lembrar que a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia é tamén moi clara con respecto aos metros que se deben arredar os montes das pistas para evitar, precisamente, problemas coma os de onte e hoxe.

Cómpre sinalar que a Xunta tamén está sendo especialmente recta requirindo o cumprimento da normativa tanto no referido ás distancias como no tocante ás plantacións forestais feitas sen autorización previa en solo rústico de especial protección agropecuaria.